29 de abril de 2010

"Apacherías" do salvaxe oeste

O escritor Javier Lucini (Madrid, 1973) reconstruíu toda a épica do wéstern en Apacherías del salvaje oeste, un libro mestura de lendas, historia, crónicas viaxeiras, tratados antropolóxicos e descricións de xentes apaches. Por este libro desfilan Cabalo Tolo na batalla de Rosebud, o desastre de Custer en Little Big Horn, Gerónimo cativo e desarmado e o inspector escolar Barrett, que escribiu as memorias do xefe indio; os Buffalo Soldiers do Noveno de Cabalería e o pintor Remington, alias o Kipling americano, entre outros.

No medio milleiro de páxinas destas Apacherías, publicadas por Mono Azul Editora, non faltan nin unha bibliografía nin unha "filmografía apache básica", viñetas con fotografías, debuxos e ata carteis de época.

"O wéstern non é simplemente un xénero circunscrito a unha época e un territorio; o salvaxe Oeste esténdese por todas as partes; está ao virar a esquina", declarou Lucini. Este libro débese ás viaxes que o escritor madrileño efectuou durante os últimos anos polo antigo territorio apache en compañía do cineasta de EEUU Jaime Rodríguez, visitando as reservas indias e coñecendo os poetas indíxenas.

No hay comentarios: